domingo, 24 de setembro de 2017

Além-Governos, Além-Fronteiras




O fluxo de cidadáns dun lado e doutro da liña denota a consolidación dun espazo común, compartido. Por exemplo, e como se aporta neste estudo, en 2012 ao redor de 22.797 cidadáns portugueses residían en Galicia. "Os inmigrantes portugueses son agora a maior nacionalidade estranxeira presente en Galicia", o cal "está a contribuír a un proceso de mestizaxe transnacional", salienta o experto da USC.
O certo é que, como sinala o profesor, "a transferencia transnacional de poboacións de Portugal a Galicia foi maior que a calquera outra Comunidade Autónoma española". En 2012, o 22,3% de todos os portugueses en España residían en Galicia, a maior porcentaxe en todo o Estado español. 
Esta comunidade transnacional galego-portuguesa é, para Rodríguez Campos, un bo exemplo de "comunidade de cidadáns que queren afirmar as súas solidariedades sociais e políticas sobre as súas denominacións étnicas e nacionais", ou dito doutro xeito, "un movemento que opera máis aló dos confíns dunha nación-estado, mobilizando etnias nacionais". Con todo, o profesor da USC pregúntase se sería posible crear instrumentos efectivos de solidariedade máis aló da organización dos Estados portugués e español. 
Ao fluxo de persoas hai que sumar o de mercadorías. Por exemplo, xa no ano 2004 o 23,2% das exportacións do Norte de Portugal a España foron destinadas a Galicia, e en 2005 o noso país importou o 57% do leite de Portugal exportado a España, "o que demostra a alta preferencia polos produtos portugueses no mercado galego", sinala Rodríguez Campos. Tamén en 2004, o valor de mercado enteiro entre Galicia e o Norte de Portugal foi similar ao que mantiveron os portugueses con Italia, Gran Bretaña ou os Países Baixos.
"Non hai dúbida sobre o aumento do tamaño do mercado entre Galicia e o Norte de Portugal tras a desaparición das fronteiras"
Os sectores de exportación máis importantes de Galicia ao Norte de Portugal foron a agricultura, a pesca e a alimentación, seguidos polo sector téxtil. Galicia exportou o 33,9% da súa produción de alimentos ao país veciño en 2011, o 35% da súa produción pesqueira en 2001, o 71% da súa produción de carne en 2005 e o 22% da súa produción téxtil en 2010. E Portugal foi o principal provedor de Galicia, co 57% da súa importación, segundo os datos expostos neste estudo.
Esta transnacionalidade no comercio "non é tan prominente para outras fronteiras hispano-portuguesas, como Andalucía, Estremadura ou Castela", compara Rodríguez Campos, quen aporta máis datos que demostran a súa tese: o 50,3% do tráfico viario entre España e Portugal a partir de 2004 pasa pola fronteira galego-portuguesa e o 87,8% deste tráfico componse de turistas e o resto, de traballadores; 
(...)
Aí sitúanse, entre outros elementos integradores, as afinidades lingüísticas, xa que "son tamén moi importantes, porque promoveron raíces culturais na comunidade étnica". "Cada día, os códigos lingüísticos da lingua galega son cada vez máis parecidos aos do portugués. Os portugueses do norte son definidos como 'galegos' polos sureños debido ao maior número de afinidades lingüísticas coa lingua galega que teñen", expón Rodríguez Campos.
"O nacionalismo galego evolucionou desde a idea da independencia ata o concepto de participación nun federalismo cosmopolita"
Nese proceso de integración tamén xogaron un papel fundamental "as vellas reivindicacións de intelectuais e artistas galegos e portugueses que, no século XIX, trataron de expresar a necesidade de formar unha comunidade transnacional a través das afinidades étnicas entre ambos os pobos", e cuxo legado tomou o movemento nacionalista galego.